Opinión

Crise da Monarquía, crise do Estado

As declaracións de Arturo Fasana, xestor de Xoán Carlos de Borbón perante a Fiscalía suiza  de Xenebra, ratifican o absoluto desprestixio do anterior Xefe de Estado. Malia que, fronte os 100 M USD da comisión do rei Abdallah da Arabia Saudita de 2008. os 1,7 M € do agasallo de 2010 do sultán de Bahrein son cuantitativamente moito menos relevantes.

Mais, con cravar un outro cravo no sartego da honestidade do antigo monarca, estas manifestacións amosan unha historia trapalleira de serie B: disque Borbón y Borbón transportou os cartos nun maletín entre Abu Dhabi e Xenebra, prevaléndose da súa cualidade de Xefe do Estado e, xa que logo, da ausencia obrigada de controis. En Xenebra llelos entregou ao seu xestor para que éste os ingresase na conta da Fundación panameña Lucum da banca Maribaud. Lembremos que o único beneficiario en vida da Fundación Lucum era o propio Rei Emérito e que o seu fillo e actual Xefe de Estado era beneficiario da devandita Fundación no caso de falecemento, até que renunciou en marzo de 2019, un ano antes de informar deste affaire á opinión pública.

Os feitos denunciados son gravísimos. Por moito menos hai ben de xente na cadea, comezando polo xenro do Rei Emérito. Arrepía pensar nestes níveis de corrupción na Xefatura do Estado ao longo de 39 anos, que só comezan ser descobertos pola xurisdición doutras democracias europeas.

Ninguén negará agora a necesidade urxente dunha investigación parlamentaria, como a que pediron hai unhas semanas Compromís, PNV, EH Bildu, JuntsxCat, ERC, CUP e BNG. Porque o desprestixio da Monarquía española no contexto europeo e universal  é irreversíbel. E o desprestixio da Monarquía fire de morte o prestixio do Estado español. Unha ollada á mellor prensa internacional é abondo para comprobalo.

Mais fronte tal pedimento o tripartito de dereitas e o PSOE xuntaron o seus votos para lle furtar á cidadanía das distintas nacións do Estado unha pescuda independente que  determine os concretos actos de corrupción do anterior Xefe do Estado. Pescuda que non habería prexudicar a xudicial que lle cómpre á Sala do Penal do Tribunal Supremo, malia que como avogado dubide moito de que un Tribunal tan politizado vaia mover un papel.

Porque a Monarquía de Xoán Carlos e Filipe de Borbón é a Institución que encarna e lle da sentido ao Deep State,  á baixa calidade democrática, á recentralización política e económica, ao predominio dos sectores regulados do Ibex 35, á España da grande banca, da grande  distribución  eléctrica e do lobby construtor-concesional. A Institución que lle da sentido ao capitalismo de “amiguetes”  e á España do palco VIP do Bernabeu.

A crise da Monarquía é a propia crise do Estado.

Comentarios