Opinión

A crise constituínte

Que democracia europea pode aturar a grave sospeita de que o seu Xefe de Estado durante 39 anos acadase unha fortuna da colusión comisionista? Que sistema inserido nas democracias dos “países serios” pode aturar a sospeita de que o seu Presidente do Goberno durante catorce anos  dese a orde de argallar un grupo de mercenarios-o GAL- para executar crimes de Estado?

Que  democracia europea pode aturar que unha ampla maioría parlamentaria-PSOE, PP, VOX, Cs- vete a posibilidade dunha pescuda parlamentaria sobre esta caste de condutas? Que democracia  europea pode interpretar a involabilidade constitucional do Xefe do Estado coa exclusión do mesmo do sistema do Estado de Dereito de xeito que poida cometer calquera caste de delictos sen sanción?

Estas informacións non lles son cousa de George Soros ou dos perigosos soberanistas cataláns, vascos e galegos. Sonlles informacións do xornal conservador londinense The Telegraph, do New York Times e da Fiscalía de Xeneva. Constitúen o faladoiro cotián dos políticos en Bruxelas, Londres, Berlín ou París. O elefante está no cuarto e no Madrid político fan como se non se decataran.

Os GAL déronlle vida adicional a ETA dez anos máis, por mor do gravísimo desprestixio do Estado, de súpeto conectado no 1983-1985 coa guerra suxa que desenvolvera o franquismo e  postfranquismo polo menos até 1978. O cumio dos GAL foi axuizado e Barrionuevo (ministro do Interior na altura) e Vera (secretario de Estado de Seguranza) foron indultados no 1998, menos de tres meses despois de entrar no cárcere, despois de que Felipe González lles despedise na súa porta cunha aperta de irmán. Uns anos despois, accións absolutamente reprobábeis, mais constitutivas dun grao de  iolencia  menor e sen sangue do independentismo galego, foron condenadas definitivamente a penas entre seis e dez anos de cárcere.

Que dicir dos presos políticos soberanistas cataláns? Dende  posicións de goberno, parlamentarias ou de activismo ONG (como os Jordis), sen xerar  violencia ningunha e por apelar ao dereito a decidir da cidadanía catalá enfrontan por un delicto como é a sedición, expulso dos Códigos Penais democráticos europeos hai tempo, penas entre nove  e trece anos, mentres o Tribunal Supremo que os condenou advirte da posíbel comisión de delictos de prevaricación á Administración penitencial catalá se lles outorga o réxime aberto do terceiro grao.

Agora soubemos, tamén polo The Telegraph, que 260.000 € do custo da viaxe de vodas do actual Xefe do Estado foron pagas por un testaferro do Emérito. Comprenderán vostedes, daquela, que a desafección cidadá a respecto deste réxime  siga a medrar, mesmo en boa parte da base electoral do PSOE. Os seus dirixentes haberían comprendelo  no canto de votar canda Vox na defensa da opacidade.

Comentarios