Opinión

12-X (IV): o plus que lle deu a maioría absoluta a Feijóo

EN ABRIL de 2019 o PSOE gañou as estatais en Galicia. En maio o PP non acadou alcaldía ningunha nas principais vilas, fóra da trapalleira-e dupla- coalición ourensá que lles garantiu a Deputación malia perder a absoluta, en troques da alcaldía da cidade das Burgas a prol do Jácome. As outras tres Deputacións e máis as principais vilas ficaron fóra do PP. Na outra volta das estatais de novembro de 2019 empataron na práctica PSOE e PP, mais o trunfo das forzas progresistas sobre o conxunto dos votos do PP, Cs e Vox foi notábel, de máis de seis pontos porcentuais.

Contra febreiro e primeiros de marzo deste ano as enquisas sinalaban a posibilidade real de que o PP perdese a maioría absoluta, mais xa reflectían unha forte recuperación do PPdeG. Desque Feijóo convocou as eleccións do 12-X, xa na segunda metade de maio, ningunha enquisa dubidou da súa nidia maioría absoluta.

É evidente, pois, que o plus para a absoluta gañouno Feijóo coa súa xestión da pandemia ou, moito mellor dito,  coa conclusión que quitou a cidadanía galega da súa xestión da pandemia. Porque Feijoo declarou a emerxencia sanitaria cando Pedro Sánchez xa anunciara que ía declarar o estado de alerta  constitucional, mais ficou na conciencia do País que Feijóo se adiantaba. Despois, as dúbidas e inconsecuencias do Mando Único potenciaron a avaliación pública da súa xestión, malia as feblezas que as súas retalladas dende 2009  causaron na sanidade pública galega e a súa inacción fronte ao pesadelo dos contaxios en moitas residencias privadas  da terceira idade. Contribuiu, sen dúbida, que a pandemia chegou tarde, canda o espallamento poboacional. Mais sectores importantes da cidadanía consideraron que Feijóo non fallara. E que, como dicía Íñaki de Loiola, fundador dos xesuitas, “cómpre non facer remuda en tempos de convulsión”.

Contribuiu, sen dúbida, o sentido da responsabilidade da oposición (nomeadamente o sentido do País do BNG) ao se pór a carón do Goberno galego na xestión da pandemia. Mesmo até lle permitir suspender unhas eleccións convocadas para o 5-A imposíbeis de celebrar, mais retendo exclusivamente a competencia para volver convocalas, competencia que a oposición nunca lle debeu conferir senón contaba co voto favorábel de, polo menos, dous grupos da Deputación Permanente. Outravolta, Feijóo amosou ser un xogador de vantaxe que aproveita calquera circunstancia, convocvvando as eleccións para unha data que non era segura sanitariamente, mais que era a que máis lle conviña electoralmente.

Na suma deste plus cara a absoluta, contribuiu tamén a dirección federal do PSOE e o Goberno do Estado, coas súas públicas louvanzas á xestión de Feijóo e co seu desleixo a respecto do PSdeG, até o ponto de faltar Sánchez Pérez-Castejón ao peche de camnpaña en Vigo por mor dunha oportuna avaría mecánica do seu avión. 

Comentarios