Opinión

Cos ocalitros teño días

Aquel licor feito da fror do toxo non trunfou. Non estivo tan sequera ao nivel do augardente de guindas e moito menos ó da tostada. Se a enxebre start up chega a conquistar as sobremesas, probablemente hoxe non habería cómaros sen toxeiras de dous metros e xa lles podían ir dando alfalfa ou pienso ás bestas.

A alquimia da vida é así. O monte a toxos ou a mulime é unha desgraza e, en cambio, se lle pos uns alcolitos, uns cálitros ou se cadra ocalitros, en quince anos apañas uns cartiños, sen complicacións. Ao mellor moitos dos expertos sobre o maléfico eucalipto non precisan desas motas. Viven doutras actividades e foros. Nunca un ferrado de monte plantaron. O eucalipto é unha árbore ben bonita pero pásalle coma augardente tostada, se abusas dela a enchente acaba en dor de cabeza. Planificando ben o seu cultivo, sen meterse nas montañas sagradas, nas casas e estradas ou nas beiras dos ríos, seguiría sendo unha riqueza. Eu teño días con el. Uns malos porque vexo pistas e estradas destrozadas coas cortas, camións mal cargados de noite no medio e medio (hai unas semanas atopei un entre a escura chantado na estrada a Sargadelos e tiven que apartar eu pola lama para pasar), plantacións abusivas que asombran todo (incluida a vida nas casas), descontrol...pero penso que ben manexado ten futuro. Como con moitas outras cousas, é o abuso o que desequilibra todo. Por que é tan mala para o país esta árbore e, en cambio, a ninguén lle parece mal que se plante a Chaira de quilómetros e quilómetros continuos de millo? Unha planta foránea tamén moi esixente coa terra, a paisaxe e a biodiversidade. A historia nos demostrou que aquí hai sitio para case todos e un pouco de todo: millo, castiñeiros, toxos e fogueiras. Probablemente tamén para o eucalipto. 

Comentarios