Opinión

Temores por exceso de información

Nunca antes nos preocupamos da marca da vacina coa que nos inoculamos contra un virus. Sabiamos da existencia dunha manchea de empresas farmacéuticas en loita por elaborar e colocar os seus produtos, pero non nos imaxinabamos que esa guerra nos pillaría no medio como para que os usuarios se sintan agredidos segundo que inmunización lles corresponda. Xente á que lle administraron doses contra a gripe durante anos sen cuestionarse de onde procedían agarda agora impaciente que non lle toque dunha determinada. Queixábase o investigador José Miguel Mulet de que o exceso de información e o escaso rigor facilitan que se formen lendas urbanas, mitos, ou que se dean por boas cousas que non teñen por que selas, pois neste caso trátase de superabundancia de noticias que si ocasionan efectos adversos, nocivos para a saúde mental ao inocular medo nos cidadáns, cando o único que debería preocupar sería recibir canto antes a inxección.

Comentarios