Opinión

Sociedade sobre individuo

Algúns optimistas cren, e así o escribiron, que a crise vai deixar aprendizaxes útiles para o futuro. Tamén se pensaba na anterior, a que estabamos superando, e todo volveu ser como se desde 2008 non ocorrera practicamente nada. A primeira lección debería ser a necesidade de respecto aos demais, algo no que aínda suspendemos visto o odio a caldeiros que se solta polas redes. Un ensino que deberiamos asumir tamén é a consciencia de ser sociedade, todos necesarios, porque non somos autárquicos. Dependemos, non só dos sanitarios, senón tamén dos que en algures sementan trigo ou plantan patacas, dos que recollen o lixo ou limpan as rúas, dos que repoñen os produtos nun supermercado, dos que talan unha árbore que acabará convertida en papel hixiénico. Un colectivo representado por un Estado ao que deberiamos dar máis protagonismo en vez de restarllo, para equilibrar a sociedade. Sería a mellor aprendizaxe, pero dubido de que a adquiramos.

Comentarios