Opinión

Reivindicación máis que festa

PASARÁN lustros e as novas xeracións non se imaxinarán que casar estivera vetado aos gays, igual que agora é inconcibible que as mulleres non poidan votar, como tiñan prohibido en tempos, ou que non houbera divorcio, ou dereito ao aborto, ou tantos outros cambios legais que os sectores conservadores de cada época bloqueaban antes de que logo fixeran uso deles. Pero aínda que os homosexuais xa non son procesados por selo na maioría dos países, ás veces si son insultados ou incluso agredidos e aínda teñen feixes de reclamacións. Por iso se celebran xornadas reivindicativas, algo que non precisan os heterosexuais, por moito que queiran facer similitudes os homófobos e machistas, que parecen multiplicarse, e non porque haxa máis, senón por exteriorizalo tras perder os complexos. Son uniformistas que non respectan o distinto e que atopan plataformas políticas que os amparan, coma os necios que defenden terapias cando o que se precisa só é liberdade.