Opinión

Reducir políticos ou reformular o Estado

NESTA crise volve emerxer a campaña contra o hipotético exceso de políticos, aínda que con menos intensidade que na anterior. Quizais sobren uns cantos. Quizais o Senado (265 representantes) non desenvolva as funcións para as que foi concibido e poida pasar o pecho. Quizais deban desaparecer centos de concellos, aínda que en moitos a maioría dos que ocupan escano só cobren uns euros por acudir a un pleno mensual. Quizais habería que acabar coas provincias neste Estado das autonomías, se ben os deputados están duplicados ao ter que ser elixidos antes concelleiros. Quizais, ou non, porque un país necesita representantes, o asemblearismo non é operativo. Falar de cambios significa reformular o Estado, pois reducir políticos sería intranscendente, só serviría para alimentar o populismo. E ao mellor os mesmos que están contra o Senado queren que sigan as provincias porque tamén rexeitan as comunidades. Vacuo. Ou máis profundo que aminorar.