Opinión

Un problema postergado, non resolto

DESDE que hai seis anos asumiu a xefatura do Estado non para de parchear. De feito a súa proclamación tras a abdicación do pai foi para preservar unha institución que estaba preto do abismo, e que se agravou neste sexenio. Posiblemente Felipe VI non poida facer outra cousa, pero renunciar publicamente á herdanza económica (que non política) e retirarlle a asignación real ao proxenitor é recoñecer as sospeitas, algo que o deixa ao pé dos cabalos por moito que parlamentariamente o protexa a maioría. A crise na Casa Real coincide coa coronavírica, por iso quedará larvada. As medidas tomadas polo monarca atenúan o problema, pero non o solventan, simplemente alóngano no tempo, pero é de bastante máis calado que o efecto que tivo na Coroa o caso Noos que levou a revocar o título de duquesa de Palma á infanta Cristina. Aquí trátase do Rei emérito, o que ostentou a xefatura estatal 40 anos e que agora socava a institución máis que os partidos republicanos.

Comentarios