Opinión

Política de inmigración

NON SÓ VOX utiliza a inmigración como arma política. Marrocos tamén, e cando interesa facilita un éxodo de ata oito mil indocumentados para premer a España e pola contra noutro momento, como cambian as tornas, frea a entrada doutros miles cun resultado de ducias de falecidos, algúns agonizantes durante horas ante a pasividade das forzas policiais, cando non golpeados nun valado que corta o paso a unha vida mellor logo de camiñar centos de quilómetros para fuxir de conflitos bélicos e fame. Cambiou a política de fronteira no Estado alauíta nos últimos tempos, logo de que España aceptase a súa soberanía sobre o Sáhara Occidental despois de case medio século de disputa aínda que de dominio efectivo sobre territorio e subsolo. Mortes que non valen nada, expatriados de segunda aos que Occidente repudia cando a outros lles abre as portas como se houbera sufrimento de guerra distinto, como se o Mediterráneo servira de límite á humanidade.