Opinión

Poden parecer, pero non son extrapolables

É SÓ UNHA comunidade autónoma, pero Madrid parece o centro do universo político e ata os partidos consideran que os resultados electorais que veñan o 4 de maio serán a base do futuro, aínda que se equivoquen, porque non se pode tomar a parte polo todo. De feito, o PSOE sufriu resultados nefastos en Galicia e obtívoos sobresaíntes en Cataluña pouco tempo despois, e á inversa o PP, con maioría absoluta no esquinazo noroeste e mínima representación no do nordeste. Só por poñer dous exemplos, pero valen para case todos os partidos. Pero isto é periferia; no seu centralismo madrileño os partidos entenden que esta comunidade é extrapolable ao resto todo, por iso Iglesias dá a batalla, Bal substitúe a Aguado e aínda que o pretenderon os socialistas non lle atoparon relevo a Gabilondo. O de Ayuso é distinto, porque se gaña con claridade será a súa vitoria e a derrota do partido, digo de Casado, que tamén perderá se a súa compañeira e rival non goberna.

Comentarios