Opinión

Partidismo por riba de unidade

NIN NAS crises tan severas como esta se consegue a unidade política. Parece imposible funcionar como país. Ao unísono. Algúns por un lado brindan apoio ao Goberno, para logo arremeter con artillería pesada. Xa haberá tempo para criticar. Que o Goberno o podería facer mellor, antes, agora e despois, seguro; pero non é o momento de atacar, senón de poñerse ao lado, en vez de proferir voces altisonantes que pouco din da súa responsabilidade. Casado cambiou o discurso tras acusar ao presidente de neglixente e volta ao mesmo, e Abascal incluso reclamou dimisións. E tamén presidentes autonómicos deron a nota ao non entender a excepcionalidade. As crises fortalecen xestores se son ben resoltas, ese parece ser o temor dos que utilizan os seus voceiros para atacar as dúas pólas gobernamentais, sobre todo unha, a minoritaria e diana habitual dos dardos tanto se fai unha cousa como a contraria. É tempo de unidade, non de discordancia. Xa se andará.

Comentarios