Opinión

Oposición deportiva

ALGUÉN PRÓXIMO a Vox escribiu hai pouco que Luís Figo leva facendo máis oposición có PP no que vai de lexislatura, e pode non faltarlle razón, pois o exfutbolista portugués residente en España tras militar en Barcelona e Real Madrid é tremendamente activo contra o Goberno, sobre todo coa parte podemita. É o que teñen as redes sociais, que amplifican as tendencias, antes semiocultas. Ata hai uns anos era raro que transcenderan as inclinacións políticas dos deportistas, sobre todo os que estaban en activo, aínda que se sospeitaran; pero agora hai unha boa cantidade que non o oculta, como se perderan o medo a exteriorizar as súas simpatías, é o caso dos internacionais Roberto Soldado ou Pepe Reina, que fan proselitismo do partido de extrema dereita, ou tamén Álvaro González, acusado por Neymar de proferir expresións racistas. Debería entrar na normalidade que cadaquén manifestara as súas preferencias. Aínda costa, pero cada vez menos.

Comentarios