Opinión

Medidas para o territorio baleiro

CANDO NO pequeno lugar do meu nacemento unha emprendedora abriu unha taberna anos despois de que desapareceran as anteriores, alguén comentou que servizos como este deberían estar subvencionados porque máis que negocio representa un apoio social onde se asenta. Soaba a brincadeira, pero certamente a recuperación do territorio baleiro vai por aí, se non por subsidios si por bonificacións a autónomos e empresas, unidas á eliminación ou redución de impostos E cubrir servizos básicos, como reclamaba non hai moito un lector das aforas de Lugo pertencente a este extenso concello urbano pero tamén rural. E entre eles están internet de calidade, carencia habitual nos municipios pequenos; educación e sanidade próximos e infraestruturas viais para cumprir co resto. Iso para empezar. Mentres non se concrete, será palabrería para adornar unha loita contra a despoboación que ata agora non pasa das boas intencións. Na man do Congreso está.

Comentarios