Opinión

Horrenda calquera guerra

VIOLACIÓNS como arma de guerra e masacres de poboación. Nada novo. A Convención de Xenebra de 1949 establecía normas para limitar as barbaries dos conflitos bélicos pero demostrado quedou nestes tres cuartos de século pasados desde aquela que non se cumpren, nin sequera baixo ameaza de subordinación ao Tribunal Penal Internacional. Non hai crime, roubo ou infamia do que non sexan capaces algúns soldados ou xefes de todos os exércitos belixerantes; se se lles ordena que maten, cómo esixirlles que o fagan con coidado, elixindo os medios. Así se preguntaba retoricamente a xornalista galega correspondente de guerra de Abc na primeira mundial Sofía Casanova. Cen anos despois séguense cometendo barbaridades como a que nos ten aflixidos estes días vendo as imaxes dunha cidade ucraína. E co tempo seguro que se coñecerán máis atrocidades noutros lugares. Se ben a guerra mesma xa é espantosa, hai episodios aínda máis horrendos.