Opinión

Fidelidades políticas

NESTA ÉPOCA entre eleccións as enquisas son pouco máis que divertimentos para a cidadanía, porque por máis que reflictan un estado de ánimo do país, están lonxe do que as urnas deparan. Non é que se equivoquen, é que son sondeos, non votacións. Pero independentemente do reparto de escanos que poidan ofrecer os distintos estudos demoscópicos, todos indican, e non é novidade, que os partidos de dereitas parten dunha maior fidelidade, inmensa no caso de Vox (86%, aínda que baixara algo) e moi considerable no do PP (79%), segundo os datos do Instituto DYM publicados hai un par de días. Nas formacións de esquerdas, a aspiración está no 70%. Esa fidelidade compensa en parte a consideración dos líderes. Casado e, sobre todo, Abascal, ocupan as últimas posicións dos seis partidos estatais con representación parlamentaria nun ránking de valoración encabezado por Yolanda Díaz, pero iso dista moito de ser determinante para uns comicios.

Comentarios