Opinión

Fanáticos do maltrato

CONSIDÉRASE maltrato golpear, ferir ou mutilar animais, pero tamén mantelos en instalacións inaxeitadas e descoidar a súa hixiene ou saúde. As corridas de touros representan unha excepción e en vez diso, como se cravar un aguillón, unha banderilla ou unha espada ata dar morte non fose crueldade, agora van ser retransmitidas a través da televisión pública española, unha promoción da brutalidade, con arte, seica, por iniciativa do PP, apoio de Vox e a abstención do PSOE, determinante para que a proposta prosperara. Moi ecuánimes os nosos representantes que castigan o dono do can desatendido ou mesmo por telo sen sacar á rúa e premian o sanguento espectáculo taurino no que os sectores máis rancios perseveran como se rexeitalo fose un ataque á patria, como se acabar co festexo fose sinónimo de desprestixiar España, ou incluso de rompela. Así o dixera hai tempo Esperanza Aguirre para xustificar o maltrato. E agora con cámaras. Fanatismo bestial.

Comentarios