Opinión

Fachendoso pola reprobación

A REPROBACIÓN para escarnio político pola súa actitude desprezable non o arredra, senón que o envalentona. Non é capaz de aguantarlle a mirada a unha vítima en cadeira de rodas (recibiu disparos ao interpoñerse entre a súa irmá e o cuñado agresor), pero amósase fachendoso pola decisión municipal de Madrid que lle censura a falta de respecto por quen sofre violencia de xénero.

A postura de Ortega Smith amosa a prepotencia dun partido que pretende rabenar dereitos das mulleres, do colectivo LGTBI, que busca a desaparición das comunidades autonómicas, que mantén fortes conexións co franquismo e que criminaliza aos inmigrantes. E todo iso pode defendelo agora nas institucións porque ata ela o levaron millóns de persoas que o votaron, sabendo como é. Non engana a ninguén. A violencia de xénero sempre estivo fóra da loita partidista, pero agora o consenso está dinamitado pola extrema dereita arrogante e desconsiderada coas mulleres.