Opinión

Espazo para tres

É IRREFUTABLE a afirmación de Aznar de que cando el presidía o PP non existían Ciudadanos nin Vox, que agora lle arrebatan espazo, pero tamén é certo que Cs medrou arredor dos poderes temerosos dunha hecatombe popular vítima da corrupción que todo o anegaba na súa época. E tamén que el xa herdara o centrodereita completo da etapa de Fraga, que soubo absorber a extrema dereita, aínda que como se comproba agora non foi quen de domesticala. Rexorden os ultras organizados que estiveron aplacados durante catro décadas porque a maioría se sentía cómodo no PP, aínda hoxe reticente a normalizar a desafección ao franquismo para non molestar a esa parte do electorado. Aséntase Vox cunha mensaxe recentralizadora (desaparición das comunidades autónomas), racista (deportación de inmigrantes) e machista (derrogación da lei de violencia de xénero). Polo visto, hai espazo para todos, pero tres son multitude.

Comentarios