Opinión

Elección antes da semana de paixón

FAI COINCIDIR Feijóo as eleccións galegas co inicio da semana de paixón, que para uns será de maior padecemento que para outros, obviamente, porque logo do 5 de abril algúns expiarán os seus pecados mentres que outros entregaranse ao exercicio mesiánico purificados polos votos dos seus seguidores. Agardábase desde o domingo (máis ben desde antes, pero todo se acelerou antonte) que o presidente da Xunta concretara o adianto electoral de escasamente medio ano, pois en verdade para que se vai agardar a setembro se xa levamos en precampaña galega desde os últimos comicios xerais. Era tan aventurado que nin a oposición anda co pé cambiado, quizais algo o espazo rupturista, que deberá aclararse en menos de nada, pero o PSdeG e o BNG xa teñen os seus candidatos. E o PP o seu, que se concreta hoxe, porque onte na súa comparecencia institucional non podía pronunciarse. En menos de dous meses saberemos quen sufrirá a paixón.

Comentarios