Opinión

Disociacións entre formación e emprego

AÍNDA que cada vez hai menos inocentadas, e os periódicos que publican algunha xa son excepción, moitos lectores o día de onte desconfiaron de case todo. Algúns crían irreal os datos da volta ao medio rural en boa parte dos concellos de Lugo _só unha ducia deles perde poboación este ano, cando nos anteriores era singular o que a gañaba_; outros entenderon ficticio que non haxa nos mozos interese pola fontanería, cando a demanda de profesionais é cada vez máis elevada. Quizais sexa esta apreciación debida á desconexión que ás veces existe entre oferta educativa e saída laboral, e este parece ser o caso, ou tamén a mínima sintonía dos servizos de colocación institucionais coa realidade, pois organízanse cursos que pouco se precisan (digamos por exemplo secretariado de alta dirección, escasamente demandado nas empresas) e faltan outros para adaptarse á nova realidade económica. A Administración debería poñer solución a estas disociacións.