Opinión

Discriminación positiva para a Galicia interior

AS SALAS do 091 de Lugo e Ourense pechan e a partir de agora os cidadáns serán atendidos por axentes dende A Coruña. Ao ser telefónico o servizo, pois dá o mesmo onde se atope, digamos tamén Viveiro ou Monforte, por citar cidades con comisaría; pero non, concéntrase no eixo atlántico en detrimento da Galicia interior. É un exemplo institucional do escaso interese pola Galicia Baleirada, pois prívaa dunha asistencia en vez de beneficiala con discriminación positiva, centralizando na cidade amurallada ou na das Burgas este labor policial. Igual que os youtubers millonarios se van a Andorra por aforro impositivo, o mesmo se debería procurar nas provincias envellecidas para recuperar poboación con amparos fiscais (convertelos en paraísos non é posible, pero socorrelos para o asentamento de empresas si), porque o único xeito de conseguilo é construíndo as bases para a mellora económica, non con medidas populistas como a dos cheques bebé ou similar.

Comentarios