Opinión

Desescalar fascistoides

ACABA de anunciar a academia española da lingua unha manchea de novidades, ata 2.557, moitas delas relacionadas co covid, lóxico pola asunción de neoloxismos que apareceron coa pandemia, e outras que se inclúen por democratización de uso noutros campos, como fascistoide, por eses que tenden ao autoritarismo e que se están estendendo como praga, e non como reacción ás restricións para frear o coronavirus, senón que viña de atrás. E non hai que mirar só ao cercano, senón botar unha mirada a países como Hungría, Polonia, Alemaña ou  Estados Unidos. Son estes moi dados a trolear —outra palabra nova para a edición dixital da RAE, ou sexa, provocar os demais usuarios das redes sociais na busca do fracaso do rival, boicotealo para chegar á imposición da súa postura despótica. Representación distópica, que tamén recolle o dicionario, que en vez de desescalar parece que está en progresión, aínda que habería que poñela en corentena.
 

Comentarios