Opinión

Curso de igualdade contra as noticias xenófobas falsas

IMAXINO QUE o peor para el non é a condena ao cárcere, porque ao ser inferior a dous anos (15 meses) non entrará nel, senón ter que seguir un curso de igualdade. Iso ten que doer a quen ataca ao distinto desde a súa posición ideolóxica ultranacionalista. Porque un axente da lei, un garda civil que debería estar para protexer a cidadanía e a legalidade, comete o delito de fomentar animadversión contra un colectivo vulnerable, o dos menores estranxeiros non acompañados, ao facelos pasar por violadores en Barcelona utilizando un vídeo dunha agresión cometida en China.

Noticia falsa propagada nun “manifesto desprezo da verdade” movido pola animadversión aos inmigrantes marroquís e utilizala para atacar o Goberno. Desprezo á igualdade, que posiblemente non aprenda no curso corrector, pero polo menos servirá para que outros delincuentes se encollan antes da comisión do delito nun país no que un de cada catro mozos se declara racista e xenófobo.

Comentarios