Opinión

A campaña non axuda

ESTAMOS a dez días da cita coas urnas e seguimos sen clima electoral. Parecía que o debate do luns ía alterar a desgana coa que Galicia vive as xornadas previas, pero nin por esas. Aínda que foi bastante máis dinámico do que o formato a sete podía aventurar, apenas serviu para alterar o panorama. Os convocados andan a outras cousas aínda non resoltas, como as consecuencias do virus e as vacacións. E ademais a falta de caravanas electorais resta ambiente ás vésperas nunha tristura xeral de desinterese. En aparencia, isto favorece a quen ten máis posibilidades de gañar, porque aproveitaría a inercia, asentada na ausencia de estridencias, pero tamén existe o risco de desmovilización, e polo indicado demoscopicamente queda arredor do 30 por cento de indecisos, que se en boa parte deciden non votar romperíase a proporción de reparto de escanos que agora reflicten as enquisas. A participación, ese é o fito nuclear do 12-X, e a campaña non axuda.