Blogue | Patio de luces

Matemáticas

A falta doutra solución, a saída de Fomento para o tren é aceptable se cumpre os prazos

AS MATEMÁTICAS non fallan. A diferenza da política son unha ciencia exacta. Cando se fan ben as contas, os resultados son sempre precisos. É por iso polo que os cálculos aritméticos non casan ben de todo coas promesas dos cargos públicos. Levamos anos escoitando falar a uns partidos e a outros da fenda que existe entre a Galicia Atlántica e as provincias do interior. Máis ou menos o mesmo tempo que levan os nosos representantes nas institucións prometendo iniciativas de discriminación positiva que permitan acadar un certo reequilibrio territorial. Digan o que digan, teño a impresión de que a brecha non foi a menos. Aquí tamén fomos mellorando algo, pero penso que a un ritmo moi inferior. Existen desequilibrios históricos que nunca foron correxidos. Non ten moita explicación que leve trinta anos rematar a autovía entre Lugo e Santiago, cun trazado de apenas cen kilómetros. Tampouco é admisible, e non debería selo, que o tren, un vehículo de comunicación eficaz e imprescindible noutras latitudes, fose ata agora pouco máis que unha reliquia. Temos unhas infraestruturas tan arcaicas e uns servizos tan pobres que, na práctica, fan do ferrocarril un medio inservible para a maioría da xente. Estamos acostumados a esperar. Sempre agardando ao final da cola. Temos o número na man e mantemos a esperanza de que nos chegue o turno, pero nunca acaban de chamar por nós. Cada certo tempo, normalmente antes dunhas eleccións, ábrese unha porta e sae alguén para dicirnos que xa falta pouco, que non desesperemos. Con cara de parvos, asentimos cada catro anos mentres vemos como case todos nos van pasando por diante.

Lugo é a única capital da provincia que aínda non ten comunicación mediante unha vía de alta capacidade con Santiago. Nin autovía, nin autopista. Esta semana tamén nos enteramos de que imos ser os últimos en ter unha conexión ferroviaria decente. Mentres as demais cidades galegas estarán conectadas mediante unha rede de alta velocidade, nós, cun pouco de sorte, accederemos a ese servizo dous anos máis tarde que o resto, e daquela maneira. Sempre que se cumpran as previsións de Fomento, o Ave chegará a Ourense no ano 2019. O ministro De la Serna veu o luns para anunciar que no 2021 terá rematadas as melloras previstas na vía que comunica a nosa cidade coa das Burgas, despois dun investimento de 283 millóns de euros. Con esa necesaria reforma, se collemos o tren na estación da Praza de Conde Fontao, chegaremos a Madrid en tres horas e corenta e sete minutos, en teoría. Para reducir o tempo de desprazamento, quedaríamos a expensas da execución de dúas variantes, a dos Peares-Canabal e a de Rubián. Dous túneles que aínda están na fase de estudo informativo e que carecen, polo tanto, de prazos e de orzamento asignado. O coste total desas dúas infraestruturas achegaráse aos 1.600 millóns de euros. Parece pouco probable, polo tanto, que o Goberno de España teña pensado queimar as naves para executar esas obras nun prazo máis ou menos breve. Non é por ser pesimista, pero a autovía a Compostela, que seguramente costará bastante menos cando esté rematada, leva tres décadas en lista de espera.

O propio Feijóo agradecíalle ao Ministerio de Fomento que optase por unha opción "realista" para que Lugo non quedase definitivamente descolgada "da modernización histórica do ferrocarril en España". Hai que ter en conta que a conexión entre a capital luguesa e Monforte de Lemos nin sequera está electrificada. O que anunciou De la Serna foi, precisamente, a electrificación de todo o tramo, unha mellora da vía, o reforzo das estruturas e a supresión dos pasos a nivel. Actuacións que permitirán reducir o tempo de desprazamento e incrementar as medidas de seguridade. Una modernización do trazado que xa tiñamos cunhas obras que estarán listas no prazo de tres anos. O ministro insistía na súa explicación en que o Goberno apostou por esta alternativa para conseguir "unha conectividade en tempos competitivos o máis rápido posible".

Lugo non terá Ave, polo menos de momento. Se o ministro cumpre a súa promesa e mantén os prazos que anunciou, accederá a rede de alta velocidade a través de Ourense mediante unha vía convencional, convenientemente mellorada. O desprazamento entre Ourense e Madrid, separadas por uns cincocentos kilómetros, situaráse en dúas horas e quince minutos. Ir da capital luguesa á cidade das Burgas, entre as que media un trazado de cento dezasete kilómetros, levará algo máis de hora e media. As matemáticas non fallan.

Dixo Feijóo que deixar a Lugo fóra do Ave sería unha «mutilación» para Galicia. Con este plan non nos cortan unha perna. Polo menos seguimos camiñando. Xa se sabe que aquí nada é sinxelo. Manteremos o paso con zapatillas de andar pola casa mentres que os demais calzan tenis de correr. Con todo, chegados a este punto, eu firmo. Compro a saída que nos ofrece Fomento e os prazos comprometidos. Ter un tren aceptable a Ourense no 2021 e un ano máis tarde a autovía a Santiago en servizo. As cousas mellorarían moito. Aínda que sigamos coxos, en matemáticas e en infraestruturas.

Comentarios