Blogue | Patio de luces

A xeración perdida

HAI UNS MESES celebramos en Santiago unha xuntanza de antigos compañeiros para lembrar que xa transcurriron vinte anos dende que comezamos a carreira na vella Facultade de Xornalismo, na Praza de Mazarelos. O tempo pasa. Vin a todo o mundo bastante cambiado. Non para peor, teño que dicir. Aínda estamos en idade de merecer, penso. Ben é certo que xa non somos aqueles rapaces que estreamos o século XXI nas aulas do novo edificio pensado polo arquitecto portugués Álvaro Siza para acoller as ensinanzas de Ciencias da Comunicación. Con pena deixamos o corazón do casco vello de Compostela para marchar ao exilio, no Campus Norte. Xa entón, se falaba do AVE a Galicia e do illamento desta provincia, unha situación que ía quedar solventada, en parte, coa construción dunha nova autovía para achegar a nosa cidade á capital galega. A falta do tren, polo menos íamos contar cunha comunicación digna por estrada. O caso é que de momento non temos nin unha cousa nin a outra. Xa pasaron sete ministros de Fomento. Entre todos, só foron capaces de completar a metade do trazado desa vía, os corenta e sete kilómetros que van ata Palas de Rei. Co actual ritmo de execución, é probable que as obras non finalicen moito antes do 2022. Trinta anos despois de que Josep Borrell encargase os estudos previos para súa construción. Tres décadas de promesas incumpridas e de retrasos difícilmente xustificables por parte de gobernos de diferentes cores políticas. Parece que neste lugar do mundo todo é máis complexo. Xa o cantan o siareiros do clube local cada quince días no estadio Anxo Carro: «Isto é Lugo, aquí hai que sachar». Ben falado.

Esta semana a parlamentaria nacionalista Olaia Rodil subíase nun tren para ir ata Santiago. Foi un acto reivindicativo, para denunciar que en pleno século XXI estamos como estamos. Evidentemente, ninguén con sentido común fai uso dese servizo para ir dende Lugo ata a capital galega se non é por un motivo concreto. O caso é que a deputada do BNG saía da estación de Conde Fontao pouco despois das once da mañá e non chegaba ao seu destino ata pasadas as catro da tarde. Cinco horas de viaxe -con transbordo en Ourense- para percorrer noventa kilómetros. Máis do dobre do tempo que se emprega no desprazamento entre París e Londres en ferrocarril. Ademais, a excursión sae cara. Arredor de trinta euros gastou a política do Bloque nese traxecto. Dúas veces o que costa ir dende Vigo ata Compostela. Sen melloras significativas na comunicación por estrada, salvo o que podamos adiantar se collemos a autovía ata Palas de Rei, que non é moito, esa e non outra é a realidade da situación na que se atopa a nosa cidade, e por extensión a nosa provincia, no que se refire ás comunicacións co resto de Galicia. Todo o demais é fume.

Só temos unha conexión decente coa Coruña a través da A-6, porque do ferrocarril mellor non falamos. Cara ao sur da Comunidade Autónoma a situación é deplorable. A autovía Lugo-Ourense (A-56) non remata de arrincar. Para ir ata a cidade das Burgas, ou ata Vigo, os lugueses temos transitar pola Nacional 540. Hai outras opcións, pero esa é a máis directa. Os que circulan por ela a diario saben que é unha estrada perigosa, indigna do que debe ser a conexión entre dúas capitais de provincia e, porén, unha vía fundamental para vertebrar o interior de Galicia. Os usuarios desa calzada teñen que enfrontarse a diario a un asfalto que está nun estado lamentable, con fochancas do tamaño dos lagos de Covagonda, e unha sinalización certamente mellorable. E todo iso unido a un tráfico constante de vehículos agrícolas que non alimenta, precisamente, a sensación de seguridade.

O tempo pasa e seguimos illados do resto de Galicia. Agora parece que a axenda política está centrada na chegada do AVE e na construcción dunha intermodal en Lugo. Falannos da apertura cara ao resto de España cando temos que facer números para xuntarnos, de cando en vez, cos veciños da porta. No mellor dos casos, levamos consumido o tercio da vida dunha persona agardando pola autovía a Santiago. Case unha xeración perdida. De momento, ninguén se atreve a falar de prazos sobre a entrada en servizo dun tren decente. Apretándoa moito, a conselleira do ramo, Ethel Vázquez, dixo en Lugo que á Xunta lle gustaría que as obras da nova estación sexan licitadas antes de que remate o vindeiro ano. Estamos comezando aínda o 2018. Queda por diante un longo camiño. Non estamos falando de tres nin de catro primaveras, seguro. Se no resto do país as obras van a trancas e barrancas, aquí todo marcha a un apracible ritmo caribeño. No canto de gastar os cartos, os que mandan prefiren gastar saliva. Teño a impresión de que van trasegar caldeiros dela antes de que teñamos a oportunidade de desfrutar dunhas comunicacións aceptables.

Cando sexa inaugurada a autovía ata Santiago ou cando abra as súas portas a intermodal para recibir ao novo tren, quen goberne, sexa quen sexa, non debería inchar o peito. Tería que pensar en todo o que levamos agardando.

Comentarios