Blogue | Patio de luces

A herba

Queda unha longa precampaña chea de incógnitas que fan impredecible un resultado

NON TEÑO nin a máis remota idea do que pode suceder nas próximas eleccións locais. Non ando últimamente moi fino nesa cuestión de predecir o futuro. Pensei que presentaría a súa dimisión moito antes Paula Quinteiro que Cristina Cifuentes. É certo que non contaba co tema dos cosméticos, pero sexa como sexa, quedei retratado. Non é fácil atinar. Non hai máis que ver o lonxe que quedaron do resultado final os estudos demoscópicos feitos nas últimas convocatorias. Foron un rotundo fracaso. Se as enquisas non foron quen de centrar as preferencias do electorado, resulta improbable que un tipo ou unha tipa poidan anticipar, con certas garantías, o que vai pasar dentro dun ano. Ninguén o sabe. Hai concellos nos que a cousa está máis ou menos clara. Os comicios locais teñen esa singularidade. En determinados municipios, salvo milagre, é moi difícil moverlle a cadeira ao alcalde de turno. Cuestión diferente é acertar noutros lugares. Pode haber un favorito, pero hai que disputar o partido cada catro anos porque os votos non están amarrados antes de saltar ao terreo de xogo. Nas municipais tamén ten un peso específico o cabeza de cartel. A marca importa, pero non sempre chega. Entran na partida cuestións de carácter persoal, mesmo de trato diario, que complican o cálculo da ecuación.

Hai cafres, caciques, corruptos e animais con roupa que botan media vida con mando en praza. Mentres, candidatos con certa solvencia non son capaces de conseguir nin o apoio da súa propia familia. É mellor caer en gracia que ser gracioso. Non debemos, en todo caso, deixarnos arrastrar por tópicos absurdos. O que gaña é que fixo algo mellor que os demais. Aínda que só sexa coidar con máis esmero dos seus intereses particulares. Axuda a manter o cargo terlle certo apego. En case vinte anos de profesión, creo que podo contar cos dedos dunha manas persoas que coñecín e que deixaron o poder por decisión propia. Non sei cantos individuos se meten hoxe en política coa idea de axudar aos demais, pero estou convencido de que hai moitos máis que dan o paso para axudarse a si mesmos. Que primeiro miran polo seu. Tamén, que remedio, polo proveito do partido que lles da de comer. Teño a esperanza de estar equivocado, pero hai días nos que me resulta moi complicado mantela viva. E máis cando os que están no allo, sexan do bando que sexan, fan un uso descarado das institucións públicas en beneficio das súas comenencias.

Esta precampaña permanente na que estamos instalados será especialmente dura nos próximos meses. Vese ás claras. Imos costa arriba. Parece que a Deputación, a Xunta e o Concello de Lugo xa non son institucións pagadas polos contribuíntes e coa obriga de colaborar para sacar adiante asuntos de interese xeral. Como pode explicarse dun xeito racional, coherente e comprensible a garulada na que participan uns e outros a conta das residencias da terceira idade. Por que hai que montala para pechar o alugueiro duns cantos locais na Tinería, conceder axudas para rehabilitar vivendas, equipar un auditorio ou poñerse dacordo sobre que facer co Garañón. No canto de falar, axudarse, buscar acordos e poñerse no lugar dos cidadáns, botan o día a paus, xogando ao gato e ao rato, como se os cartos que manexan fosen seus. A última enganchada vai a conta da intermodal. A conselleria di que leva dous meses esperando resposta da alcaldesa para firmar o convenio. O goberno local replica que Adif e Infraestruturas non foron precisos á hora de delimitar as parcelas que precisan para desenvolver o proxecto. No canto de tomar decisións, prefiren mirarse de reollo. Parece que o importante non é facer cousas, solventar problemas. Ten máis mérito botarlle a culpa a outro do que non se fai.

Non sei o que pasará en Lugo nas próximas eleccións. Tampouco o saben os que están na pomada. Andan coa mosca detrás de orella. Os partidos de toda a vida teñen a súa base social, pero tamén unha imaxe de marca desgastada polo exercizo do poder e os escándalos de corrupción. Hai tecidas redes clientelares, o caciquismo do século XXI, pero non lle quitan ollo ás outras redes, as sociais, moito máis difíciles de controlar e cun efecto a veces imprevisible en termos electorais. Queda por ver como se recompoñerá a marea despois das desavinzas neste mandato e se C's chegará rentabilizar os augurios demoscópicos. Tamén haberá que ver quen son os candidatos e se aparece algunha alternativa rururbana que fragmente aínda máis o voto, con Otero, Martínez e algún máis dispostos a disputar alcaldías e a representación dun deputado provincial.

Queda un ano. Socialistas e populares seguirán zarandeándose desde as institucións. Deberían esforzarse máis por entenderse. Ao mellor, mentres discuten sobre o que nunca fixeron, outros acaban por segarlles a herba debaixo dos pés.

Comentarios