Opinión

Permítanse sentir

Axúdame a sentir. Non se pode dicir tanto nin tan bonito con tres palabras. Así se titula o novo disco de Xabier Díaz, un músico infinito que logra sorprender e emocionar cando xa parece imposible facelo mellor.

Nun momento no que ata a intelixencia é artificial, o Díaz derrocha imaxinación, gusto, talento e cunha interpretación maxistral fai vibrar ata as pedras. Bótalle a culpa á súa avoa, que disque lle pedía que lle axudase a sentir. Nunca mellor cousa fixo a muller.

As avoas mandan moito e saben ben ata onde poden chegar os netos. A miña tíñame calada. Nunca discutimos, cousa rara porque eu son de buscalas, pero calquera enfrontamento cunha nena turrona coma unha cabra non cadraba nos plans dunha muller tan ocupada coma ela. Sabía levarme polas boas.

Isto vén ao conto porque cando me enfadaba moito, ata o punto de botar lume, ela, moi serena, dicíame: vai tocar. Ata iso eu tomaba a mal. Quen era ela para interromper a miña rabia? Pero ao final eu ía porque ben sabía que era a mellor maneira de desafogar. 

Tocaba a fume de carozo, non se me vían os dedos no punteiro da gaita, sopraba coma un temporal e apretaba o fol con tanta forza que aínda me estraña que non estoupara. E pouco a pouco, as muiñeiras aterradoras deixaban paso a pasodobres algo máis bailables e a calma volvía. Como non me deu por un instrumento recatado, todo o rueiro sabía do meu humor.

Expresar sentimentos con palabras resúltame difícil, pero coa música o complicado é ocultalos. Escoiten a Xabier Díaz e permítanse sentir.

Comentarios