Opinión

O caso é celebrar

Entorno do estadio do Deportivo antes do partido de ascenso. RC DEPORTIVO
photo_camera Deportivistas camiño do estadio de Riazor para o partido de ascenso. RC DEPORTIVO

Quen non celebrou algo estes días foi porque non quixo, porque houbo para escoller. Auroras boreais á parte, empezamos coa permanencia do Breogán, seguimos coa do Lugo, con Jorge Prado como líder mundial e ata co ascenso do Deportivo da Coruña.

Vin á mesma persoa coas camisetas do Breogán, do Lugo e do Deportivo sucesivamente festexando todo por igual. Non sei se tamén apoiou ao motorista lucense, pero atrévome a aventurar que se non o fixo foi porque non lle deu a fin de semana para máis.

Hai xente que non lle vai ben se non é o neno no bautizo e o morto no enterro. Pero á marxe do afán de protagonismo de cadaquén, unirse á festa está bárbaro. Non hai que pasarse de seareiro, para non facer o ridículo, pero festexar préstalle a calquera.

Os políticos son moi dados a iso. Por exemplo, Ana Pontón non dubidou en vestir a camiseta do Deportivo cando viu que a cousa pintaba ben e José Tomé intentou axitar unha bufanda do Breogán e a punto estivo de sacarlle un ollo a Paula Alvarellos.

Sumarse á festa é unha tentación, pero desfrutar realmente dela só está ao alcance dos que tamén padeceron nos tempos escuros.

Diso saben abondo as afeccións do Lugo, do Breogán e tamén o está aprendendo a do Obradoiro. Pero se alguén ten o lombo afeito a paus é a xente da Coruña. Estes días volveron dar exemplo do que é unha afección como é debido. Mentres en Lugo presumiamos de encher o pazo do Breogán eles tomaban literalmente a súa cidade. Sempre hai de quen aprender, ata da festa.

Comentarios