Opinión

Nunca tal cousa se viu

HAI DÍAS nos que mete medo ter un espazo en branco para escribir. Hoxe case prefería que non mo deixaran porque teño as ideas desbocadas e a lingua furada de tanto trabala. 

Quen me mandaría a min ver as imaxes da voda do alcalde de Madrid? Levo semanas evitando falar da clase política desa comunidade porque estou esperando a que os xuíces fagan o seu traballo, pero ese sarao era unha tentación e eu non teño forza de vontade nin de ningún outro tipo para resistirme. Xuntouse o mellor de cada casa. Parece que as andan buscando. 

Máis que as fotos que se fixeron contan as que se evitaron. Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid, foi sen o mozo. Eu se fora o rapaz teríalle tomado a mal o desplante. Serei malpensada, pero parece que lle dá reparo que a vexan con el. Nin que fora o único investigado por fraude fiscal da festa.

Outros que non quixeron compartir marco foron os reis eméritos. A raíña Sofía esquivou a pasarela de entrada á igrexa e foi directamente á comida. Evitou ser vista con Juan Carlos I, co que segue casada pero do que se desentendeu hai tempo, neste caso non sei se por vergonza ou por medo á onda expansiva. Quen si saíu na foto co avó foi Froilán, que se meteu de cheo na celebración e aínda seguía o domingo de troula.

Pero por moito escándalo político e fraude fiscal que se xuntara nese evento, o maior delito foi, sen dúbida ningunha, o baile dos noivos. Se queda alguén que non vira o vídeo do que perpetraron, merece a pena buscalo. Quixeron innovar e conseguírono porque nunca tal cousa se viu.

Comentarios