Opinión

O negocio da necesidade

O CONGRESO e o Senado abren cadansúa comisión de investigación sobre as supostas irregularidades na compra de máscaras na pandemia. Ímonos encher de escoitar iso de e ti máis, unha actitude desesperante sempre, pero máis se falamos de desfalcos descomunais nos que roubar un euro arriba ou abaixo non te fai menos ladrón.

Goberno e oposición afrontan as comparecencias sabendo que van saír trapos sucios por todas partes e que ninguén está libre de culpa porque nos dous bandos houbo espelidos que viron a ocasión de facer negocio da necesidade.

É ben certo que o estado de shock non afecta a todos por igual. Ante unha emerxencia, a maioría queda parado e hai un que reacciona e se convirte en heroe porque ve antes que ninguén o que hai que facer.

Non foi o meu caso, eu quedei aparvada. Mentres os listos facían amigos na China, eu nin me atrevía a falar cos veciños. Non saín dos marcos do concello nin da provincia ata que me deron permiso. Doe lembrar.

Que había estraperlo coas máscaras era evidente, que a Ayuso lle desaparecese un avión cheo de respiradores carísimos atufaba, que os países ricos fosen os primeiros en vacinarse foi vergoñento. Ao que pasou nas residencias non lle vou poñer nome.

Mentres os espelidos facían negocio, moitas persoas rachaban sábanas na casa para coser máscaras para os hospitais. Hoxe sabemos que eran inútiles, que as teas non protexían, pero cubrían de esperanza. Gustaríame escoitar nas comisións a esas costureiras que perderon de durmir.

Comentarios