Opinión

Autoestima, a xusta

A MELLOR virtude, en exceso, pode ser un gran defecto. Estou pensando na autoestima, moi necesaria, pero na medida xusta. Son a única que percibe un exceso de superheroes nas rúas?

Non soporto a xente que presume de resiliencia por saír adiante na vida. Paréceme unha absoluta falta de pudor. Nin que fora un mérito afrontar o día a día.

Moita culpa téñena eses manuais de autoaxuda que che din que es o centro do universo. Sentirse superior por superar un desamor, por sobrevivir a alguén a quen queres, por tomar decisións difíciles ou por abrirse camiño laboral é simplemente un aparvamento egocéntrico de quen ten moita falta de mundo.

Non digo que esta vida sexa fácil e penso que hai que valorar os logros, pero esforzos fixéronse sempre e nunca tanto se pregoaron. O outro día escoitei unha rapaza que se sentía "superespecial" porque con vinte e poucos anos foi quen de superar a morte dun avó e a ruptura cun mozo. E por esa intensa experiencia vital críase singular e capacitada para dar consellos nas redes sociais e vendelos
nun libro. Non souben se rir ou chorar.

Quedei con ganas de falarlle de Tucha, que lle fixo fronte ao demo da droga e sacou do inferno un fillo, un sobriño e encamiñou outros moitos rapaces sen reparar en esforzos. Ou da miña bisavoa, que se botou ao mar para rescatar unha ducia de nenos e morreu días despois de gangrena, xunto o bebé que acababa de parir cando se rebentou na marea para salvar os fillos doutros.

A resiliencia é algo máis que afacerse ao cambio de hora.

Comentarios