Opinión

Aló me van os principios

FUN Á PRAIA en abril. Acabo de faltar aos meus principios e ao estatuto de cedeiresa do que tanto presumo. Hai unha norma non escrita, e nin falta que fai porque todo o mundo a sabe, que di que os de Cedeira non nos bañamos no mar ata que acaba a escola e paramos de facelo cando volve empezar o curso en setembro. Xa podemos morrer de calor despois, pero a praia queda para as gaivotas. Aprendímolo así de nenos e nin o cuestionamos. Os que se meten na auga o resto do ano son veraneantes.

Pois aló fun eu pecar o primeiro día de sol. Ata me deu reparo. Mirei aos lados, como se fora roubar, e vin veciños, o cal me tranquilizou algo. Se había outros autóctonos, ninguén me podía acusar de veraneante. Porque non hai peor consideración que esa na miña vila. Ser veraneante é ser de fóra e, o que é peor, ignorar os nosos costumes. Isto, para unha exiliada laboral coma min, sería unha deshonra.

Pero resulta que o sábado pasado facía unha calor laida, os nenos levaban pedindo para bañarse desde novembro e sucumbín por non oílos. Busquei bañadores, caldeiros e pas e aló fomos con todo.

Desfrutei do mar e tamén vendo os meus veciños, todos coa mesma cara de estar delinquindo. Tiñamos un ferrado de areal para cada un e gozamos conscientes de que no verán hai que compartilo con foráneos afeitos a amorearse por terra e por mar.

Atendendo ao cambio climático e a que teño moi pouca forza de vontade para evitar tentacións, vou propoñer un cambio nesa norma non escrita para evitar a expatriación por reincidencia.

Comentarios