Opinión

Xustos por pecadores

PRETO DA miña casa hai un muro pintado coa lenda: «Aos homes había que cortarlles os ovos a todos. Non ao terrorismo machista». Cando leo isto sempre se me vén á cabeza o refrán de «pagar xustos por pecadores», que se aplica cando persoas inocentes sofren as consecuencias das accións de terceiros. Non sei nin como nin cando se vai a poder erradicar esta infamia da nosa sociedade, ignoro se conviría endurecer máis as actuais leis sobre violencia de xénero, se habería que destinar máis orzamento para este fin, se... O que sei é que empatizo (como case todos) coas mulleres maltratadas e que trato de inculcar nos meus fillos (como case todos) a tolerancia, a educación e o odio pola violencia que me ensinaron a min. O problema son os case. Acórdanse das filípicas dos curas aos seus fregueses? Rífanlles por non asistir á misa precisamente aos que xa están dentro. Tan ridículo como ineficaz. Castrarnos a todos non é a solución para o terrorismo machista. Porque non é xusto; non todos son(mos) igual de pecadores.

Comentarios