Opinión

Usar armas de fogo

O Estado español é o terceiro país da Unión Europea co índice de criminalidade máis baixo e, polo tanto, un dos países europeos máis seguros

LEMBRABA EU ESTOUTRO día a unha Clara Zetkin que dicía, e disto xa hai case un século, que unha das características do fascismo era a aplicación da violencia, for de forma directa e inmediata, for de xeito político estrutural. E isto vén a conto porque unha organización política española de ultradereita, con doce deputados en Andalucía, reivindica para o Reino de España o uso de armas de fogo como xeito de "autodefensa". Xulguen vostedes. Na actualidade só tres países da OCDE inclúen o dereito privado dos cidadáns, garantido por lei, a portaren armas de fogo: Suíza, México e os EE UU, sendo neste último caso, único no planeta, que non existen sequera restricións explícitas. Ou dito doutra maneira: nos Estados Unidos de Norteamérica pode ter unha arma de fogo (escopeta de caza) un neno de dez anos, e até as autoridades do estado de Iowa permiten o uso de armas de fogo aos invidentes. Talmente.

Nos EE UU, que nunca ofrece datos oficiais completos e fiábeis, calcúlase, segundo diversas entidades que estudan o tema, que máis de 35 mil persoas morren ao ano por feridas de armas de fogo, o que se traduce en 670 persoas por semana, constituíndo así unha das maiores cifras de mortes civís por armas de fogo en todo o mundo. E existen estudos de carácter científico, realizados en diversos ámbitos universitarios especializados en socioloxía, que demostran que só a existencia de armas de fogo xera por si mesma máis violencia. É dicir, cantas máis armas máis mortes.

O Estado español é o terceiro país da Unión Europea co índice de criminalidade máis baixo e, polo tanto, un dos países europeos máis seguros. Aínda así, nos últimos 25 anos, existindo como existe un sistema de tenencia de armas rigoroso e controlado, máis de 8.500 persoas morreron en España por uso de armas de fogo, incluíndomos aquí un 70% de suicidios. Como nos lembra Amnistía Internacional, o acceso doado ás armas de fogo, sexa legal ou ilegal, é un dos principais motores da violencia armada no ámbito comunitario. E fica tamén demostrado pola estatística que as mulleres están especialmente expostas ao risco de violencia armada dentro ou fóra da parella, incluíndo as armas de fogo como elementos que tamén contribúen á violencia sexual. Diante da proposta do fascismo español organizado politicamente para permitir a tenencia aberta de armas de fogo, lembremos aquela frase do clásico francés Gustabe Flaubert: "Non lle deamos ao mundo armas contra nós, porque acabará utilizándoas".

Comentarios