martes. 31.03.2020 |
El tiempo
martes. 31.03.2020
El tiempo

Suíza

FALÁNDOMOS DE Suíza, eu teño que recoñecer que, dende que puxen o pé por primeira vez nas terras da denominada Confederación Helvética, experimentei só boas impresións e sensacións. Foron varias as viaxes que realicei a Suíza, ás súas cidades principais, coa encomenda de pronunciar conferencias de carácter cultural nalgúns dos seus Centros Galegos, naquela altura arredor de 18 existentes, e sempre mantiven, dun xeito ou doutro, un contacto cordial e fraternal con amplos sectores da emigración galega organizada nesa república federada de estados que ofrecía e segue a ofrecer unha diversidade cultural envexábel.

A partir de agora o Código Penal suízo pasou a considerar a discriminación por orientación sexual, a homofobia, como delito

A antiga denominación do país de países, Helvetia, deriva, por certo, do nome dunha tribo celta e documéntase a partir do ano 300 antes da era cristiá, e isto non deixa de resultar atractivo ou curioso nun territorio onde, aínda na actualidade, viven máis de 42.000 cidadáns galegos –velaí a emigración que comeza na década dos cincuenta do século XX– e onde a figura do gaiteiro galego chegou a gozar dun específico e particular recoñecemento social.

O certo é que Suíza está hoxe de actualidade, vexan vostedes, porque a partir de agora o Código Penal suízo pasou a considerar a discriminación por orientación sexual, a homofobia, como delito. É dicir, os actos homófobos pasan a ser castigados até con penas de cárcere, pois, como recoñece a Confederación, "a dignidade humana é un valor fundamental na sociedade suíza e o comportamento discriminatorio viola os principios garantidos pola Constitución Federal".

¿E como é que se aprobou a nova norma legal que prohibe a discriminación por motivos de orientación sexual? Pois a través dun referendo popular que obtivo o si xeral do 63% dos votantes, atinxindo na cidade de Basilea, por exemplo, máis do 70% dos votos. A partir de agora, como ben se pode ler na prensa suíza, a homofobia, incluída a transfobia, non é unha opinión: é un delito. Suíza, sen dúbida, é unha referencia mundial no que se entende hoxe como co-determinación política dos cidadáns, e iso lévanos ao filósofo e político revolucionario Nicolás de Condorcet, que consagrou non só o referendo constitucional obrigatorio vinculante senón tamén o dereito de iniciativa popular progresista. A ver se vai ter razón finalmente o politólogo Bruno Kaufmann cando di que "Suíza non creou a democracia directa: a democracia directa creou Suíza".

Suíza
Comentarios