sábado. 24.07.2021 |
El tiempo
sábado. 24.07.2021
El tiempo

Sáhara libre

Débese celebrar no Sáhara, porque é o democrático, o referendo sobre autodeterminación acordado coa Onu en 1991

HABERÁ que lembrar que o Sáhara Occidental foi colonizado por España no ano 1884, convertido en provincia administrativa en 1934 e declarado pola Onu territorio a descolonizar en 1965. Tamén hai que recordar que o actual rei de España defendeu diante da LXXI Asemblea Xeral das Nacións Unidas (2016) o dereito do pobo saharaui á libre determinación: "España apoia os esforzos de Nacións Unidas a prol dunha solución política, xusta, duradeira e mutuamente aceptábel que entenda a libre determinación do pobo do Sáhara Occidental no marco de disposicións compatíbeis cos propósitos e principios da Carta de Nacións Unidas". Palabras textuais.

O certo é que no ano 1976, tamén convén lembralo, é proclamada a República Árabe Saharaui Democrática como Estado libre, independente e soberano, recoñecido pola Onu como representante lexítimo do pobo do Sáhara Occidental. E atrás fica a invasión militar do territorio por Marrocos e Mauritania no 1975 en clara acción ilegal, sendo así que a ditadura monárquica marroquina —Mauritania retirouse do Sáhara en 1979— ten violado sistematicamente con posterioridade os dereitos humanos do pobo saharaui, incluíndo desaparicións (xenocidio), torturas e encarceramento de persoas, ademais de levar a cabo unha pillaxe continua dos recursos naturais do territorio.

Por todo isto é materia obrigada que Marrocos abandone, dunha vez por todas, a ilegalidade manifesta en relación co Sáhara e cumpra as directrices que lle impoñen Nacións Unidas e o Dereito Internacional. A República Árabe Saharaui Democrática está hoxe recoñecida por máis de 80 países, a pesar das manobras en contra do réxime alauita e dos EE.UU., principal valedor dun Marrocos invasor que recibe comercialmente armamento militar norteamericano: 12.000 millóns de dólares durante a era Trump.

O Sáhara Occidental é rico en fosfatos, circonita, gas, petróleo, pesca e area, fundamental esta para a construción de edificios e infraestruturas, e ninguén dubida de que o espolio desta gran riqueza conxunta en recursos naturais está na orixe e no fundamento da invasión militar levada a cabo pola ditadura marroquina. Débese celebrar no Sáhara, porque é o democrático, o referendo sobre autodeterminación acordado coa Onu en 1991, e España e a Unión Europea deben actuar en defensa dos dereitos políticos, económicos, culturais e humanos do pobo saharaui. Democraticamente.

Sáhara libre
comentarios