POR UN TEXTO do profesor Gonzalo Sobejano, lido xa hai ben anos, souben que existía un libro de Rafael Salillas publicado no ano 1898 que incluía no subtítulo a expresión ‘antropología picaresca’, e tiven noticia tamén de que Pío Baroja dera ao prelo no seu día un ensaio breve titulado Patología del golfo, dedicado este a describir e estudar as distintas ‘golferías’ reinantes na sociedade madrileña xa entrado o século XX. Todo vén do pasado, en boa parte literario, do Lazarillo de Tormes e do Guzmán de Alfarache, e todo ese pasado acabou por se constituír en tradición, en paradigma, en pauta, o que levaba a afirmar, por exemplo, a Domingo García Sabell que o castelán era o idioma da picaresca.
Mais a picaresca española, hoxe tan recuperada, tamén ten alicerces na historia social e política, porque, como sinala o historiador José Campo Rizo, o século XIX foi unha centuria de guerras civís e de enfrontamentos por corrupción, ademais de denuncias continuas entre cidadáns; todo un acervo sociolóxico que, sen dúbida, revive.
Se na España imperial de Carlos V os pícaros eran impostores, rateiros e malandríns, na España comesta pola corrupción de Felipe VI reina tamén a picaresca e casos hai numerosos nos que os ‘listos’, agora de traxe e garabata, comen as uvas en silencio de 3 en 3 cando o pacto era facelo de 1 en 1, e non como o cego que as apañaba e metía na boca de 2 en 2 para descubrir precisamente o pícaro.
A picaresca española hoxe móstrase vivísima nos casos de corrupción económica e política existentes, dende a Gürtel, Nóos, Pokémon, Campeón ou os ERE, entre outros moitos, até as miles de ‘inmatriculacións’ de edificios públicos e bens varios levadas a cabo pola Igrexa Católica, que chegou a pagar 30 € —normativa franquista e José María Aznar polo medio—, pola Mesquita de Córdoba. E a picaresca está tamén presente, en forma de infección continuada, no caso dos ‘másteres’ universitarios, dos ‘copia e pega’, dos plaxios aquí e acolá, da propaganda e celebración ‘typical spanish’ das pícaras e pícaros que dan en seren políticos, empresarios, futbolistas, xornalistas e cantantes. A pensadora Victoria Camps, catedrática de Filosofía Moral e Política, apunta que o problema no fondo é unha cuestión de educación. E alguén afirma que España precisa un ‘rearme moral’. Mellor que o decida a Asociación Española de Abogados Cristianos.