Opinión

Pandemia e países pobres

É urxente tomar medidas para evitar a devastación definitiva, o estrago terminante nos países pobres

Non era preciso que nolo relembrase o secretario xeral das Nacións Unidas o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza, pois ben se sabe que para as persoas máis pobres do mundo a pandemia que padecemos representa unha dobre crise: maior risco de contaxio, por unha banda, e menor acceso a unha atención de saúde de certa calidade, por outra. A pandemia de 1918 —agora sabémolo—, provocou a morte, en tres grandes vagas, de máis de 50 millóns de persoas (existen estudos que elevan a cifra a 100), mais a inmensa maioría dos mortos produciuse nos países pobres.

Fagamos o ensaio de sumar a pandemia da covid-19 coa pobreza e a miseria que teñen lugar nos países pobres e nos crecentes espazos de desamparo que se abren no denominado mundo rico. Vexamos. Só nos últimos catro meses morreron de fame no planeta (África, Asia) máis de 2 millóns de nenos. Mais esas mortes, como outras, son invisíbeis. Da mesma maneira que os afroamericanos dos barrios traballadores de Chicago, Atlanta ou Nova York sofren sete de cada dez mortes causadas pola actual pandemia. ¿E sábese que nos EE.UU., con datos recentes da Oficina do Censo, aínda hai 9 millóns de afroamericanos que viven directamente en estado real de pobreza?

Como di o profesor Joan Benach, doutor en Saúde Pública vinculado á investigación na Universidade Johns Hopkins, sen cambios políticos, socioecolóxicos e económicos moi profundos —a erradicación da pobreza, entre eles—, non só é posíbel que a actual non sexa a última pandemia senón que é altamente probábel que apareza outra moito máis letal que a que hoxe nos afecta. E Benach, ao fío disto, cita, con razón, ao filósofo Emilio Lledó, quen non hai moito dicía que non debemos deixar que ninguén aproveite un virus para manternos na escuridade e na indecencia. Palabras exactas e cabais.

Porque é urxente tomar medidas para evitar a devastación definitiva, o estrago terminante nos países pobres, pois moitos deles, como é o caso de Etiopía, nin auga potábel teñen para lavar as mans como vía de prevención fronte á pandemia. Os que máis morren nas crises sanitarias, con diferenza, son os pobres. E, diante da chegada das vacinas anunciadas contra a covid-19, habería que pór en marcha programas de loxística para que estas cheguen tamén en tempo, e con inmediata accesibilidade, aos países pobres. É unha cuestión de decencia, como diría o filósofo.

Comentarios