Opinión

O 'Manifesto' de Lugo

O ‘Manifesto’ da Asemblea Nacionalista de Lugo é, a cen anos vista, unha proba de lucidez política e unha mostra de nacionalismo humanista e progresista
 

A CIDADE DE Lugo, e isto forma parte con letras de ouro da memoria da cidade mesma e do noso país, foi protagonista hai 100 anos da I Asemblea Nacionalista do galeguismo, celebrada na capital luguesa os días 17 e 18 de novembro de 1918. Estamos, pois, ás portas dun importante centenario que, por riba mesmo de calquera ideoloxía, debería ser celebrado e recoñecido como unha data fundamental, aparellada a un feito político e social de gran transcendencia, que marca un fito na historia de Galicia.

Lugo xa fora escenario da revolución provincialista de 1846, tamén coñecida como a ‘sublevación liberal’ promovida polo coronel Miguel Solís contra o goberno de Narváez. Dende a mesma casa do Concello, Solís anunciou a rebelión, dando lugar, en palabras de Darío Xohán Cabana, a unha "revolución que fracasou, pero que quedou dentro do imaxinario galeguista cravada de maneira profunda". E foi talmente así que setenta e dous anos despois, a cidade de Lugo volveu ser escenario dun feito histórico de gran importancia no devir político do noso país: a aprobación na I Asemblea Nacionalista de Lugo dun ‘Manifesto’ que marca o tránsito do rexionalismo ao nacionalismo concibido, xa nun plano programático, como unha realidade que recoñece enteiramente ao pobo galego como suxeito político de seu.

Naqueles días de novembro as rúas de Lugo de hai un século viron pasar, entre outras moitas personalidades, a Vicente Risco, Castelao, Losada Diéguez, Ramón Cabanillas, Antón Vilar Ponte, Lois Peña Novo, Ánxel Casal e Xaime Quintanilla. E nacía un nacionalismo político, produto inmediato das Irmandades da Fala, que solicitaba, entre outras instancias, unha ‘autonomía integral’ para unha Galicia recoñecida como ‘Nazón Galega’, a oficialidade do idioma galego, a igualdade de dereitos para a muller, a creación dun Parlamento Galego e a instauración dun Poder galego autónomo con todas as súas funcións políticas e administrativas.

O ‘Manifesto’ da Asemblea Nacionalista de Lugo, que proclama tamén a ‘soberanía estética’ de Galicia, é, a cen anos vista, unha proba de lucidez política e unha mostra de nacionalismo humanista, democrático e progresista que ten plena vixencia na actualidade. "Galicia ten dereito a ser dona absoluta de si mesma. (...) Nosos brazos están abertos para a fecunda aperta. Todos xuntos melloraremos a grande obra". Beizóns todas aos nosos devanceiros. 

Comentarios