Opinión

O crecemento do odio

Estase a producir, de xeito progresivo, un regreso aos discursos de odio, xenofobia, racismo e homofobia, xunto a outras formas de intolerancia que se rexistran no ámbito social e político. Recentemente, unha plataforma de ‘microblogging’ con sede en California bloqueou a conta dunha organización española de extrema dereita e neofranquista por «conduta de incitación ao odio», algo que esta confraría política cultiva e espalla con absoluta e inmunda naturalidade. Mais é ben certo que a «incultura» do odio está hoxe vixente, e en crecemento, na Europa que alimenta formas diversas de neofascismo e nuns EE.UU. comandados, como diría Samuel Farber, por un «lumpencapitalista» afectado por narcisismo, trastorno delirante, paranoia e hedonismo desenfreado como Donald Trump, cualificado así, nestes termos, nun informe realizado por 27 prestixiosos psiquiatras estadounidenses.

Outro estadounidense, neste caso o dramaturgo Tennessee Williams, definiu o odio como un sentimento que só pode existir en ausencia de toda intelixencia, e isto faime lembrar que outro odiador profesional como é Jair Bolsonaro, recoñecido neofascista, tomou no seu día a decisión de retirar da educación pública os estudos de filosofía e socioloxía, que atentarían directamente contra as regras económicas e militares que el fixa como necesarias e primordiais.

O certo é que o crecemento do odio é unha realidade e que a política do odio está a ocupar cada vez máis espazo na sociedade actual. Velaí senón o odio contra os inmigrantes, contra os musulmáns, contra a homosexualidade, contra determinadas oenegués e contra todos aqueles que defenden o diálogo e o entendemento democrático como vía para a resolución dos conflitos. Eu lembro, en relación paralela con todo o anterior, as palabras de García Linera, exvicepresidente de Bolivia, nun artigo titulado ‘El odio al indio’, no que narra, en pleno golpe de Estado policial e militar, un odio a percorrer vorazmente os barrios das clases medias urbanas bolivianas: «No gritan, escupen; no reclaman, imponen. Sus cánticos son de desprecio y discriminación contra los indios». Odio racial extremo e criminal. ¿Acaso os episodios de odio que se rexistran na sociedade actual non son expresión dunha nova forma de nazismo? O papa Francisco, por exemplo, así o pensa e o denuncia en voz alta. O máis frío de todos os monstros segue a estar aquí.

Comentarios