Opinión

Militarismo

Na actualidade os altos mandos do Exército son franquistas, e ningún Goberno en democracia fixo nada para evitalo

E coan cada certo tempo na pell de brau as trompetadas dun militarismo que se resiste a deixar de ser o que o profesor Daniel Headrick denomina pretorianismo, entendido este como unha sorte de militarismo cara a dentro que teima en manter a súa influencia no sistema político, controlando as decisións que afecten aos seus intereses e apoiando unha determinada facción política. E velaí, como se un desfile esperpéntico se tratar, unha parte importante de militares españois na reserva ou no retiro lucindo as súas cadencias franquistas, fascistas ou, nalgúns casos, expresamente nazis, como ten acontecido (existe vídeo) nun cuartel de paracaidistas madrileño cando varios soldados, festexando a virxe da Inmaculada Concepción, realizaban o saúdo hitleriano e cantarolaban letras fascistas.

Un dos últimos manifestos franquistas de militares, impulsado polo presidente da Fundación Francisco Franco, contiña as sinaturas de dous tenentes xenerais, nove xenerais de división, un almirante, un contraalmirante, dous xenerais auditores e 18 xenerais de brigada. Noutro dos manifestos franquistas (Declaración de respeto y desagravio al general Don Francisco Franco Bahamonde, soldado de España) refulxían as rúbricas dun ex xefe do Estado Maior do Exército de Terra, dun ex xefe español da misión de Nacións Unidas no Líbano, dun ex xefe do Mando Militar de Canarias e dun ex xefe do Mando de Persoal do Exército. Mais nesta última proclama tamén referendaban o franquismo palpitante algúns militares reservistas, entre eles un ex xefe do Exército do Aire e un ex xefe do Cuarto Militar do Rei.

E todo isto é real -comproben vostedes os datos dos conspicuos pretorianos franquistas-, sen ter que nos referir a "chats" de miasmas xenocidas onde se pide o fusilamento de 26 millóns de españois ou se troulea sobre a necesidade dun golpe de estado tipo maniobras del 36. Como expresa o capitán de navío da Armada retirado, Arturo Maira, natural de Ferrol e impulsor dun contra manifesto -antifranquista, enténdase-, na actualidade os altos mandos do Exército son franquistas, e ningún Goberno en democracia fixo nada para evitalo.

O certo é que até a radiotelevisión suíza, diante de tanto manifesto e palabrorio militar franquista, acaba de amosar unha sospeita patente en forma de reportaxe: "A escura sombra da ditadura franquista. Difícil legado en España". 

Comentarios