Opinión

Librarías

Case coincido coa reapertura das librarías, sempre baixo estritas medidas e condicións axeitadas en plena pandemia —noticia esta para celebrarmos con xúbilo certo—, chéganos a información do peche da libraría compostelá Chan da Pólvora, a única en Galicia especializada en poesía. E invádenos a tristura. Porque, ademais, o sector libreiro calcula que, dadas as circunstancias presentes, os peches de librarías non baixarán, como mínimo, dun 10%. Por outra banda, seica os editores, que son a fábrica, xunto cos autores, que alimenta as librarías, fixeron un chamamento urxente dirixido ás institucións europeas para que miren polo sector do libro, porque «os libros precisan a axuda de Europa». E aviados estamos. 

Non hai moitos anos o orzamento da Unión Europea destinado a cultura non chegaba aos 200 millóns de euros, mentres só a cidade de Múnic dedicaba 161. A día de hoxe o Ministerio de Cultura decidiu aplicar un «fondo de continxencia», asignado só ao sector das librarías, de 4 millóns de euros. Aínda menos mal. E a Xunta de Galicia, moitas veces lenta e renuente no tema que nos ocupa, guindou ao ceo un emplastro discreto que resulta máis do mesmo, esquecendo un verdadeiro «plan de choque cultural», tan necesario hoxe (o xacobeo é outra cousa), e esquecendo, o que é máis grave, a figura do pai e da nai dos libros, que son os autores e as autoras.

Alguén, entre nós, pode imaxinar unha Galicia sen librarías, sen escritoras e escritores a crearen arte e beleza no idioma de Martín Códax?

En realidade, nos tempos que nos tocou vivir, e xa dende a crise do 2008 e anos posteriores, as librarías foron e son espazos de resistencia contra a apoloxía da ignorancia triunfante nunha sociedade que exerce, dende as máis altas esferas do poder, como apóstata da cultura e do coñecemento. E as librarías galegas, en particular, e sobre todo aquelas que lle dan visibilidade e lle prestan atención ao libro galego, son áreas estratéxicas, moitas veces heroicas, para a promoción das nosas letras, do noso idioma literario e das autoras e autores de libros que no seu conxunto fan que a Literatura Galega sexa na actualidade unha das máis importantes de Europa. E disto pódese dar fe perfectamente.

Alguén pode imaxinar un mundo sen librarías, da tipoloxía que estas atinxiren? Alguén, entre nós, pode imaxinar unha Galicia sen librarías, sen escritoras e escritores a crearen arte e beleza no idioma de Martín Códax? Ou sostemos as librarías e a lectura ou estamos condenados á barbarie. E á desaparición.

Comentarios