Opinión

Lei mordaza

¿Poden os artistas ou os xornalistas e os medios de comunicación vérense coartados no desenvolvemento das súas funcións?

O Consello de Europa acaba de instar a España a reformar a Lei de Seguridade Cidadá (popularmente coñecida como Lei mordaza) polo seu "potencial represivo", engadindo que dita reforma debera "ir acompañada dunha avaliación en profundidade do funcionamento práctico da lei e o seu impacto nos dereitos humanos". E a organización intergobernamental dos Estados europeos, a través da Comisión de Venecia, formada por especialistas independentes no eido do dereito constitucional, chama a atención sobre o feito de que a Lei mordaza española non cumpre no que respecta aos presuntos infractores as garantías mínimas esixidas no Convenio Europeo de Dereitos Humanos. Velaí: "A presunción de veracidade dos informes da policía, a execución inmediata de fortes multas e a falta de dereito a asistencia letrada debilitan a posición dos imputados fronte ao Estado". Textual.

O certo é que esta Lei, aprobada polo Goberno de Rajoy (2015) e criticada agora dende Europa, non foi tocada a día de hoxe polo Goberno de Pedro Sánchez, en coalición con UP, aínda que o compromiso de levar a cabo unha reforma da mesma está recollido no acordo de lexislatura. Mais veremos, agora si, como remata a tramitación de reaxuste promovida polo PNV e aprobada por unha maioría de 203 deputados no Congreso.

Eu coincido co maxistrado e doutor en Dereito Alfonso Villagómez, cando expresa que unha das razóns fundamentais que levarían á derrogación da Lei mordaza non é outra que erradicar o vello concepto de orde pública preconstitucional que fixa a mesma, pois con tal sentido legal instaurado retrocedemos na protección dos dereitos e das liberdades públicas. ¿Pode unha lei vixente nunha democracia limitar as protestas cívicas e aplicar sancións administrativas a quen participe en concentracións de carácter público? ¿Poden os artistas ou os xornalistas e os medios de comunicación vérense coartados no desenvolvemento das súas funcións?

En definitiva, o Consello de Europa di con toda claridade que se unha norma estatutaria, caso da Lei mordaza, leva, na práctica, a abusos, debe ser cambiada ou delimitada. Talvez para que non teñamos que ler máis informes de Freemuse, organización internacional consultora da Onu, nos que se dá conta de que no ano 2019, por exemplo, un total de 14 artistas (rapeiros) foron sentenciados con penas de cárcere de máis de dous anos. En Europa non o entenden.

Comentarios