Opinión

Incivismo

Dun tempo a esta parte, asistindo, como estamos, a un proceso de "desconfinamento progresivo" (prefiro esta expresión, desculpen, á de "desescalada"), obsérvase un aumento preocupante de incivismo nun segmento cada vez máis numeroso de cidadáns. Chegan a min fotografías realizadas na rúa -eu, polo de hoxe, sigo confinado- e vemos tamén imaxes nos xornais e nas televisións que confirman, en bares e en diferentes espazos públicos, como incontábeis persoas non cumpren coas mínimas regras de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias para non contaxiar a outras persoas e tratar de seguir superando ou minimizando os efectos e a propagación do virus que nos asola.

Eu lembro o profesor Juan José Tamayo advertíndonos no seu día do perigo de eliminar a materia de Educación para a Cidadanía, o que supuña, segundo el, unha «incitación ao incivismo». Mais foi o sociólogo Enrique Gil Calvo, na súa obra "La ideología española", quen mellor soubo caracterizar a sobrevivencia na cultura e na sociedade española de sinais tan evidentes como o incivismo, a hostilidade, a dramatización e o cinismo político. En moitas ocasións, e vémolo claramente na conduta de moitos cidadáns neste tempo de pandemia, o incivismo -nalgunhas ocasións con posíbeis corolarios criminais- mestúrase de xeito evidente coa marca da casa: a picaresca. Non hai moito soubemos que só nunha fin de semana tiveron lugar en Madrid 400 festas privadas en domicilios (un mínimo de 20 persoas en cada unha) e 97 "botellóns" celebrados abertamente en diferentes parques. E no conxunto do Estado español o número de propostas de sanción por non cumprir o confinamento case atinxiu o millón, sendo tamén que se practicaron arredor de 8.000 detencións.

Mais o incivismo en relación coa pandemia tamén se produciu e se exhibiu -con máis ou menos número de casos- noutros estados europeos, o cal indica que existe un grave déficit de investimento en educación e cultura, de aí o advento dunha caste de condutas de barbarie que, en pleno sufrimento pandémico, afecta a segundos e terceiros; velaí o índice xa producido de contaxios víricos e o que, previsibelmente e dadas as circunstancias, aínda está por chegar. Ser incívico, no momento tráxico no que estamos, mata. E se non educamos no civismo, na convivencia pacífica e solidaria, no "ethos", a sociedade acabará, máis tarde ou máis cedo, destruída.

Comentarios