Opinión

Golpismo trumpista

Donald Trump levaba moitas semanas conspirando contra os resultados do proceso electoral nos EE.UU. e acabou sendo indutor evidente do asalto ao Congreso

Lembraba eu tempo atrás nesta mesma páxina as palabras da congresista estadounidense Alexandria Ocasio no momento en que esta describía a presidencia de Donald Trump como autoritaria e fascista. E a realidade, constatados os feitos, esixe sumar agora o substantivo de golpista para o aínda presidente dos EE.UU.

Trump xa avisara días antes dun día "salvaxe" que tería lugar en Washington, e horas antes da irrupción armada no capitolio chamaba a "marchar ao Congreso", non renderse e non permitir a vitoria do demócrata Joe Biden. Vendo as imaxes do movemento sedicioso trumpista, e analizando as personaxes principais que lideraban a acción violenta da extrema dereita USA, non cabe dúbida de que todo estaba previsto e ben previsto, incluída a conivencia da Policía de Washington e do Departamento de Defensa ás ordes de Trump. No mitin realizado diante da Casa Branca, horas antes da grotesca rebelión trumpista, Donald Trump aparecía —fago miñas as palabras de David Torres— lucindo os seus belfos enrugados, a súa mecánica xestual, as súas rabuxas e perrenchas habituais, as súas poses hitlerianas e o seu ton autoritario, tan semellante en todo a Mussolini.

Xa no mes de novembro do pasado ano, a xornalista Dahlia Lithwick titulaba un artigo na revista Slate deste xeito: A verdadeira ameaza do ridículo intento de golpe de Trump, e caricaturizaba a todo un secretario de Estado, Mike Pompeo, que se negaba naquela altura a entregar a información de seguridade necesaria á equipa de transición de Joe Biden. Un Mike Pompeo, por certo, exdirector da Axencia Central de Intelixencia, que no seu día afirmaba que quería unha CIA "máis agresiva, brutal, desapiadada e implacábel". E punto.

O certo é que Donald Trump levaba moitas semanas conspirando contra os resultados do proceso electoral nos EE.UU. e acabou sendo indutor evidente do asalto ao Congreso, un golpe de estado trumpista que deixou catro mortos e varias ducias de feridos. Non cabe dúbida de que Trump intentou bloquear o desenvolvemento da democracia para se afianzar no poder declarando, tal vez, a lei marcial e ordenando detencións de congresistas e xuíces, entre outras autoridades. E acabaría creando un Goberno de Salvación presidido por el mesmo. Mais o Ubu Rei, aínda ocupante hoxe da Casa Branca, acabou como personaxe de farsa esperpéntica. Mais non vos riades que o conto é fascista.

Comentarios