jueves. 24.09.2020 |
El tiempo
jueves. 24.09.2020
El tiempo

Emérito

Ben claro é que o vocábulo «emérito», máis alá da raíz indoeuropea presente que nos traslada o concepto de «compartillar», significa persoa merecente dun status ou recompensa (por mérito) en relación aos servizos prestados. Mais, en realidade, a Disposición Transitoria Cuarta do Real Decreto 1368/1987, engadida no ano 2014, fala textualmente da continuación vitalicia no uso con «carácter honorífico do título de Rei», e está asinada —cuestión curiosa esta— polo propio rei abdicante e polo presidente do Goberno naquela altura.

¿Rei honorífico vitalicio, pois? ¿Acaso «honor», dito e entendido en castelán, non significa cualidade moral que leva ao cumprimento dos propios deberes respecto do seu próximo e dun mesmo ou, nunha segunda acepción, gloria e boa reputación que segue á virtude, ao mérito ou ás accións heroicas? Visto así, ¿emérito ou honorífico? ¿Ou as dúas cousas fundidas? Porque a forma «emérito» tivo rotundo éxito, como é ben notorio, nos medios de comunicación e entrou a formar parte xa da perspectiva e da substantividade popular.

¿Debe un rei emérito honorífico (ou honorífico emérito) abandonar o seu ‘reino’ e desaparecer nun paradeiro ocultado ou descoñecido? Na prensa internacional opinan que non, que non debe. Na estadounidense CNN din que o emérito se ausentou en medio dun escrutinio por supostos fraudes financeiros. A británica BBC vincula a «vergoñenta» marcha do rei cos escándalos nos que se ve involucrado. O xornal alemán Bild Zeitung cataloga a decisión do emérito como «unha fuxida polos seus escándalos financeiros tras a inmunidade que lle outorgaba a Coroa». O prestixioso xornal francés Le Monde refírese ao honorífico emérito como un «exmonarca, sospeitoso de corrupción, que se exilia». E o italiano La Repubblica fala dun rei, atropelado polos escándalos, que abandona o reino «para evitar ser expulsado de Zarzuela sen ningunha dignidade».

Sería bo que existise hoxe un Ramón María del Valle-Inclán que retratase a Corte dos Milagres imperante neste últimos anos. ¿Lembran vostedes cando Rafael Spottorno, xefe da Casa do Rei, dicía en 2011 que Iñaki Urdangarin non tivera un «comportamento exemplar»? ¿Que diría hoxe o diplomático español do comportamento do emérito? Eu nestes transes, procurando o norte democrático, leo a Maquiavelo e a Spinoza: «É necio esixir a outro o que ninguén se atreve a esixirse a si mesmo».

Emérito
comentarios