Opinión

As bibliotecas e nós

CANDO SE TRATA de falar de bibliotecas, eu sempre lembro as palabras do escritor francés Jacques Bonnet, autor dun ensaio ironicamente titulado Bibliotecas cheas de fantasmas, pois en realidade refírese a elas como "seres vivos" que interaccionan con nós mesmos e que precisan dunha particular "alimentación" para cumpriren a súa finalidade. Como di o bibliotecario universitario e teórico das bibliotecas José Antonio Magán Wals, a alma da aprendizaxe e a investigación reside nas bibliotecas, e "o tesouro maior" da nosa sociedade atópase nelas. Porque hai que ter en conta que a sociedade reflicte claramente nas súas bibliotecas públicas o mellor de si mesma e que estas acaban sendo institucións sociais de primeiro interese e de máxima utilidade, pois, como se recoñece no Manifesto da Unesco sobre a Biblioteca Pública (1949), este modelo de lectura actúa como forza vital para a comunidade, universidade do pobo e, xa que logo, potencia viva da sociedade.

E que acontece coas bibliotecas e nós? Infórmanos Marcos Pérez Pena, doutor en Xornalismo pola USC, que Galicia, seguindo datos do Ine, foi a comunidade autónoma do Estado español na que máis bibliotecas pecharon dende o ano 2008, por diante de Aragón, Castilla-La Mancha, Baleares, Canarias, Murcia, País Valencià, Asturias ou Extremadura. É dicir, o noso país está hoxe á cola de lectura pública activa no Estado, pois nunha década desapareceron 74 bibliotecas e 76 puntos de servizo lector. Dende o ano 2006 Galicia sofre unha caída continua en número de bibliotecas públicas, do mesmo xeito que cae o número de persoas que traballan profesionalmente no sector: 56 persoas menos na última década. E vaia outro dato: 78 concellos galegos, tamén segundo datos estatísticos, carecen de biblioteca pública en condicións.

O Consello da Cultura Galega, nun informe presentado hai seis anos, xa alertaba sobre a situación, dramática en moitos casos, das bibliotecas galegas, pois entre os anos 2008 e 2013 o investimento público pasara de 5,5 millóns de euros a 1,3 millóns. É dicir, 4,2 millóns de euros menos en só cinco anos. Xulguen vostedes. Estase acaso a promocionar a ignorancia? Que futuro teremos se non se inviste en bibliotecas? A min resóame na cabeza a frase da bibliotecaria canadiana Eleanor Crumblehulme: "Recortar en bibliotecas durante unha recesión é como recortar en hospitais durante unha peste".

Comentarios