Opinión

Annus horribilis

Ou ANNUS terribilis, que vén ser o mesmo. Este 2020 que nos acaba de deixar ficará para sempre na nosa memoria como o "ano da pandemia", e lembraremos mentres vivamos o "estado de alarma", os confinamentos, o penar de tantos seres humanos e a morte á nosa beira tocándonos e facéndonos, como unha negra sombra, inevitábel mofa. O ano 2020, que nos deixou marcados e feridos, foi un ano maldito. Soubemos do abandono, cando non maltrato, dos anciáns nas residencias e puidemos comprobar no primeiro tempo da peste como o persoal sanitario malvivía no seu traballo francamente desprotexido.

Cando escribo estas liñas o número de mortos por covid-19 no mundo aproxímase xa aos 2 millóns, e moitas economías están a piques de colapsar, se é que non colapsaron xa. O ano 2020 foi unha mistura de pesadelos, dor, incerteza e inseguranza. E unha montaña rusa de noites escuras. Semella que as distintas administracións públicas máis próximas a nós, dende as autonómicas ás europeas, pasando polas estatais, optaron diante da pandemia por unha estratexia de "convivencia" co virus, no canto de lle facer fronte de xeito radical -e velaí o éxito- como si fixeron en Asia ou en Oceanía. Neste sentido, Europa, como diría o profesor Peter Kuznick, foi un estrepitoso fracaso. E se realmente foi e é así, tal como se evidencia, alguén tería, dada a gravidade do tema, que asumir responsabilidades coa máxima claridade e a todos os efectos.

Despois deste ano 2020, fatídico e funesto, moitas leccións debemos aprender. Até o director da Organización Mundial da Saúde, entidade por veces neboenta e balouzante, di que os gobernos deben aumentar os seus investimentos en saúde pública. Mais unha das grandes dúbidas que nos deixa o pandémico 2020 é se os cidadáns e os seus representantes políticos van seguir permitindo unha saúde pública de mínimos e van seguir rexeitando a saúde como "dereito humano fundamental". 

Nas últimas horas do catastrófico e estarrecedor 2020 que deixamos abriuse, hai que recoñecelo, a porta luminosa das vacinas. E isto supón un triunfo sen paliativos da ciencia mundial e da investigación levada a cabo en diversos países. Outra cousa é o negocio monopolístico das grandes empresas farmacéuticas. ¿Un desexo? Máis ciencia e menos ignorancia. Máis coñecemento e menos incultura. Máis democracia e máis xustiza social. Porque está en xogo o futuro da humanidade.